Contratenores organoloxistas

Sábado, Agosto 14th, 2010 | Outros | Non hai comentarios

Contratenor un tanto organoloxista no curso que estiven facendo esta semana, indicando ao noso grupo vocal como encarar a interpretación de Green Broom, unha das Flower songs de Britten (ler co acento máis británico posible):

It starts very slooooowly… and very sooooftly… and then builds up, builds up until it comes to a big… orgasm.

(tendo en conta que a media de idade do grupo debía ser de 60 anos, non creo que o comentario fose demasiado apreciado, aínda que se oíron risiñas).


De paso, por aproveitar a entrada, colgo un vídeo máis de Hosenrollen ou papeis de mozote coas hormonas revolucionadas interpretados por mozotas. Neste caso, Daniela Barcellona canta a aria de Arsace en Semiramide de Rossini.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Ky6WGHnEHlQ" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: , ,

Coñecendo mitos musicais-eróticos

Sábado, Xullo 17th, 2010 | Outros | Non hai comentarios

Por complicadas razóns de cancelacións de última hora, hoxe acabei compartindo escenario con Pamela Helen Stephen. Esta muller estaba simply irresistible travestida e facendo de paxe adolescente e hiperhormonado nas Vodas de Fígaro de John Eliot Gardiner, aló a principios dos anos 90, cando ela debía andar polos trinta e poucos. Agora terá uns cincuenta e é unha signora stupenda, pero, ohimé, eu preferíaa facendo de tomboy…



Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: ,

Entrevista De Luns a Venres, 12/07/2010

Mércores, Xullo 14th, 2010 | Medios | Non hai comentarios

O luns, Organoloxía e máis eu compartimos páxina con seica 11 tipos en pantalón curto que viñan de gañar nonseiqué. Igual esa conxunción de factores quere dicir que para a próxima novela teño que xuntar erotismo e fútbol. Non é que o fútbol me inspire nada, pero faráse o que se poida.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: ,

Voglia d’Italia

Martes, Xullo 6th, 2010 | Descartados | Non hai comentarios

Coinciden estes días nos andeis de novidades das librarías dúas novelas galegas que falan de Venecia: O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro, e Settecento, de Marcos Calveiro. A min estas coincidencias parécenme magníficas, non só porque veñen desmontar -non é que fixese falta a estas alturas desmontalo xa moito, pero hai xente que é curtiña de entendedeiras- a falacia de que a literatura galega é ensimesmada e só fala do que sucede entre Tui e Ribadeo, senón porque son unha fan absoluta de Venecia e de Italia en xeral. Tamén son ben consciente de que entre a miña Italia ideal (construída a base de Monteverdi, de Calvino, de Dante, de Puccini, de Marisa Madieri, de Verdi, de Paisiello, de Giovanni Verga, de Macchiavello, do Mozart italianófilo) e a Italia real hai un divorcio pouco menos que completo que só me veñen resolver, de vez en cando, certas amizades (case todas elas exiliadas da Italia real ou a punto de exiliarse, tamén é certo).

Eu, despois de pasar unha tempada literaria en plan «É a Semana Británica no Corte Inglés», creo que agora me vou pasar á Semana Italiana, ou (máis probablemente) ao Bienio Italiano ou algo así. Xa algo hai en Organoloxía. Luthieres un tanto pícaros en Cremona, señoras un tanto despendoladas en Roma e Nápoles, señores un tanto confusos nos mesmos sitios. No primeiro borrador, ademais, hai outra escena que podería estar ambientada nos bosques da Toscana pero tamén nos da terraferma de Venecia. A banda sonora é o Lamento della Ninfa de Monteverdi.

… A aquel regato querería eu volver, pero non de inverno: de verán, nun verán do Peloponeso ou da Toscana, non nun deses veráns ridículos de Galicia ou de Edimburgo. E desta vez sentiría os meus peitos esponxarse coa chamada da ninfa polo seu amante (Dov’è, dov’è la fe che il traditor, che il traditor giurò), e comezaría a acaricialos case sen decatarme, e a túa man uniríase á miña na súa expedición cara á gorxa, onde xa latexaría aquel nó de disonancias que me impediría falar (Fa che ritorni il mio amor, com’ei pur fu), e despois cara aos beizos, que de tanto desexo xa non poderían facer máis que responder torpemente aos bicos (O tu m’ancidi ch’io non mi tormenti più). E deixaríame facer durante un bo anaco, disonancia tras disonancia tras disonancia (miserella, più non è: así canta o coro falando da ninfa, pero o mesmo podían dicir de min), ata o único momento da peza en que a ninfa parece recuperar a conciencia de si mesma e canta con decisión Se ciglio ha più sereno colei, e entón incorporaríame, e sentaría coas pernas abertas sobre ti na posición xusta, e ti sorprenderíaste porque nunca me viras como máis que unha ninfa sen demasiada iniciativa que se deixa facer, pero eu nin me decataría e cabalgaría sobre ti, disonancia tras disonancia tras disonancia (mai… mai… mai… mai) ata que a tensión que o son fora construíndo na miña gorxa estoupase primeiro e escorregase despois máis, gracilmente do que o momento prometía, mentres a voz da ninfa chegaba por fin á primeira consonancia verdadeira, xusto un segundo antes de que a obra acabase.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: ,

Lover Man

Xoves, Xullo 1st, 2010 | Avances | 1 comentario

As miñas lembranzas adolescentes de Lover Man, o tema  de Davis, Sherman e Ramirez interpretado por Charlie Parker (e por unha chea máis de xente, pero a primeira versión que tiven foi a de Charlie Parker) non é que sexan demasiado eróticas. Daquela estaba empecinada en aprender a tocar jazz, pero non había demasiadas oportunidades, e o que se me ocorreu facer foi transcribir de oído uns cantos estándares (melodía e acompañamento) para ver se así comprendía algo de que ía todo aquilo. Lu e Xandra, dúas das protagonistas de Organoloxía,  utilizaban o Lover Man na súa adolescencia para actividades máis entretidas, máis propias da idade e, seguramente, máis proveitosas.

A partir daquela noite, comezou para min unha rutina que se asemellaba demasiado á que mantiñan os nosos compañeiros pianistas cos estudios de Czerny ou de Hanlon, só que daba resultados bastante máis discretos. Cando me deitaba, poñía baixiño o Lover Man de Charlie Parker –o título parecíame apropiado, e tamén o feito de que fose jazz, e sempre me produciran certa fascinación e tamén certo misterio aquelas frases breves e regulares capaces de expresar o máximo con medios mínimos– e comezaba a practicar. As miñas fontes eran as testemuñas que Lu e máis eu chegáramos a esfollar ás agachadas do Informe Hite, xunto co pouco que iamos recollendo das conversas dos nosos compañeiros, que non parecían moito mellor informados ca nós cando se trataba de xoguetiños: a penas unha lea de tópicos burdos, unha serie de variacións sen graza ningunha sobre o pouco orixinal tema de «canto máis grande, mellor».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: , , ,

Vantaxes que temos os músicos para ligar

Martes, Xuño 15th, 2010 | Outros | 3 Comentarios

E, no medio do meu traxecto, eles dous subiron ao meu vagón. Non puiden evitar miralos con descaro desde o comezo. Un deles delgado, de cabelo mouro, cos trazos afiados pero afables dun cachorro da aristocracia británica; o outro, un pouco máis alto, un pouco máis rexo, tamén de expresión afable, pero louro e máis xermánico que anglosaxón. Cada un deles era, por si só, unha auténtica festa para os ollos; en conxunto, o efecto non se multiplicaba por dous, senón por cen, e o feito de que se notase claramente que eran homosexuais non facía máis que aumentar a miña curiosidade. Cando vin que o louro levaba na man un estoxo de violín, non puiden crer a miña sorte, pois nada hai máis útil para encetar unha conversa casual entre nós os musicófilos có estoxo dun instrumento musical.

Abofé que o estoxo dun instrumento musical ou ben unha partitura estratexicamente despregada no autobús, no metro ou nun lugar público pode dar para moito. Os músicos sabémolo. E a quen vén todo isto? A que hoxe, mentres ía no autobús, nunha parada entraron dúas persoas. Unha rapariga nova cun estoxo de violín. E un home da miña idade que entraba tamén dentro da categoría de «festa para os ollos». Aquí non se estila moito abordar á xente sen máis no transporte público. Pero se fose el e non ela o que levase o estoxo na man, abofé que non me escapaba.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: ,

Búscanse pianistas adictos ao BDSM

Luns, Xuño 14th, 2010 | Outros | Non hai comentarios

Acabo de ver en Vieiros que o Taller Atlántico Contemporáneo buscan pianistas (non importa o nivel) para interpretar o próximo domingo o sadomasoquístico e suxerente Vexations do gamberro de Satie.  En realidade, o de «pianistas adictos ao BDSM» é unha redundancia, porque penso que todo pianista (eu son, ou era) leva dentro de si un ser con tendencias sadomasoquistas. Se non, a ver quen ía estar unha hora, dúas, tres, dezaoito como nas Vexations machacando os dedos e as costas con exercicios e escalas de moi dubidoso valor musical. E, por certo, o gamberro de Satie non foi o primeiro en advertir o sadomasoquismo dos pianistas e cachondearse. Saint-Saens fíxoo tamén no seu Entroido dos animais, metendo, ademais, aos pianistas entre a fauna zoolóxica; hala, aí todos na gaiola, que máis de un seguro que disfruta.  No departamento de pianistas sadomasoquistas e literatura temos, por suposto, á Erika de Elfriede Jelinek, tan diferente ás sete protagonistas de Organoloxía, para as que a música e o sexo son ante todo unha festa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: , ,

Entrevista n’A Nosa Terra, 10/06/2010

Xoves, Xuño 10th, 2010 | Medios | Non hai comentarios

Aquí falei sobre todo d’ A Veiga é como un tempo distinto, pero algunha mención hai a Organoloxía.

Vostede gañou o premio Narrativas Quentes este mesmo ano. Xa tiña escritas as dúas novelas?

A verdade é que non; ambas novelas foron de escrita bastante rápida. Escribín Organoloxía a finais do ano pasado, a partir dun primeiro borrador que fixera meses antes, e despois púxenme inmediatamente con A Veiga é como un tempo distinto., facendo ao final un certo esforzo para poder enviala a este concurso dentro do prazo. A verdade é que 2009 foi un ano moi produtivo…

A entrevista completa, de Eva Estévez, pode lerse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: , ,

Habemus librum!

Mércores, Xuño 9th, 2010 | Outros | 4 Comentarios

O luns souben que recibira o premio Terra de Melide pola miña novela A Veiga é como un tempo distinto. Se Organoloxía foi unha especie de espido físico, A Veiga resultou máis ben como un espido emocional. Ai, como anda a literatura galega, que os escritores temos que nos espir para ter oportunidades!

E hoxe souben que Organoloxía xa saíu do prelo e está listo para empezar a súa aventura polas librerías galegas.

Feliz verán e felices lecturas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lexicoloxía

Luns, Xuño 7th, 2010 | Outros | Non hai comentarios

No Diccionario de usos castellano-gallego de Freixedo Tabarés e Álvarez Carracedo, xusto despois de organología vai orgasmo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: ,

E isto escribín aínda antes

Olark Livehelp